A acción transcorre nunha comarca preto da fronteira. As partidas de guerrilleiros comezan a reagruparse coa esperanza de que o final do nazismo sexa tamén o final da ditadura. O goberno organiza entón as chamadas contrapartidas, formadas por gardas e exmilitares, que actúan baixo falsa bandeira coa finalidade de sementar o terror e desprestixiar os seus adversarios.
Deste contexto parte Manuel Veiga para construír Perder as bestas, a obra publicada por Xerais en 2023 e que foi premiada pola Asociación Española de Críticos Literarios co Premio da Crítica Española na categoría de narrativa en lingua galega.
"A novela descóbrenos un dos episodios máis silenciados da historia da posguerra en Galicia, a actuación das 'contrapartidas', grupos paramilitares promovidos polo Goberno que pretendían sementar o terror entre a poboación para desprestixiar a guerrilla e rematar con ela", explica o xurado nunha nota de prensa.
Nun escenario "dominado pola natureza e pola violencia sen paliativos", salientan que Veiga emprega un "estilo minimalista, de altísima eficacia grazas a un poderoso traballo de selección léxica", para achegarnos a un grupo de seres anónimos, cunha vidas que aparecen "condicionadas polo medo, a precariedade e a obrigada (e perturbadora) convivencia con individuos que ostentan o poder malia a ser refugallo humano". Deste modo, din, a novela representa unha nova visión da posguerra e da historia da guerrilla (os fuxidos), "pero tamén das formas posíbeis de identificación entre os seres humanos e a terra".
Manuel Veiga Taboada (Monforte de Lemos, 1960) é doutor en Ciencias Políticas e Socioloxía e licenciado en Ciencias da Información. En 1983 entrou a formar parte da redacción do semanario A Nosa Terra, periódico que dirixiu entre 2007 e 2010. No ano 2004 gañou o premio Xerais coa novela O exiliado e a primavera e, en 2006, o Manuel García Barros con Lois e Helena buscándose un día de tormenta. Outras obras súas son O profesor de vegliota, novela (Xerais, 2008), Do G ao Z. Dicionario indignado e humorístico (Xerais, 2012) , O pacto galego na construción de España, Manuel María, buscando un país (Xerais, 2016), Todo ser humano é un río (Xerais, 2016), A parte queimada. Stalin & Robespierre, As mellores tendas de Madrid (Xerais, 2021) e Perder as bestas (Xerais, 2023). Colabora en Nós Diario e no blog Biosbardia.
share