Logo Xerais

Ficha libro

O retorno dos homes mariños

Xurxo Souto

Contenidos

Xurxo Souto, vocalista do conxunto bravú Os Diplomáticos de MonteAlto, tras publicar "A tralla e a arroutada" (1996) e "Fumareu" (1997), publica a súa primeira novela, "O retorno dos homes mariños", na que rescata un mito coruñés esquecido: Os Homes Mariños.Hai tres séculos o Cardenal Jerónimo del Hoyo recollía nos seus escritos sobre a súa estadía na Coruña os encontros dos pescadores cos homes mariños. Seres semellantes en todo aos homes mais con escamas, amigos de facer favores, axudaban na pesca e a xente de terra os quería. A mensaxe dos homes mariños vive no Agoiro das Lagoas. A señora Laura, a sabia do mar, sabe case todo o que se pode saber dos homes mariños, toda a vida andou tropezando con eles. O home dos dous alcumes, ás veces o Gorripacho do Portiño e ás veces o Roxo de Vioño o mariñeiro experto que sempre debe estar cando se fala dos homes mariños. Mercedes traballa nos talleres de confección e a súa vida vai contada por puntadas. Non están todos, pero son algúns dos protagonistas de O retorno dos homes mariños. Con eles o lector poderá revisitar a costa coruñesa buscándolle o sentido ós seus nomes, antes de que o cemento agoche as pedras.Xurxo Souto nesta súa primeira novela cóntanos unha parte do punkismo máxico que presenta a beleza da Galicia nesta fin de século. Unha recuperación, a dos Homes Mariños, que quere ser símbolo do necesario reencontro co mar das nosas cidades atlánticas, hoxe asolagadas polo cemento.